Información

Cosme López Rodríguez

" Quen dá nome ao Centro? "

 


       Cosme López Rodríguez nace o 16 de decembro de 1915 na parroquia de Santa María de Óutara no concello da  Pobra do Brollón (Lugo).
       Na Escola Normal de Maxisterio de Ourense obtén o título de Mestre de Primeiro Ensino no Plan de Estudos da carreira de Maxisterio correspondente ao Grao Profesional.
       A súa actividade docente empeza como mestre substituto , con carácter de interinidade na escola de Airabella (Óutara) dende o 1 de novembro de 1936 ata o 2 de febreiro de 1937. Trala obrigada paréntese pola Guerra Civil , reincopórase ao seu labor docente en Celanova, Rivela e Coles xa coa  correspondente oposición e  como propietario provisional dende o 1 de xullo de 1940 ata o 31 de decembro de 1943.
O 1 de xaneiro de 1944 toma posesión , por concurso de traslados, como mestre con destino definitivo da Escola Unitaria de nenos e nenas  da Rúa (Ourense), ubicada na sede da asociación veciñal "Canle", ao lado da igrexa de San Estevo coa que compartía atrio en calidade de "patio de recreo". Presta nesta época unha especial atención aos Cursos de Iniciación Profesional e á Educación Ambiental ao crear o  "Couto Escolar da Reza"  na beira do Sil. Nesta escola permanece ata a inauguración da "Agrupación Escolar Manuel Respino" que impulsa e dirixe e que viña a significar unha nova filosofía do ensino. Nace entón o que se coñecía como "O Grupo", ampliado máis tarde con outro edificio máis moderno e mellor dotado para integrar todas as escolas  unitarias da zona. Nestas amplas instalacións traballa desde a dirección  ata a súa xubilación, o 1 de xaneiro de 1983, para ofrecer máis posibilidades educativas: o ensino primario compleméntase coa implantación dunha pequena oferta de
Formación Profesional que se inaugura  presidindo Cosme López Rodríguez a Corporación Municipal no curso 1977/78 e que ocupará unha pequena instalación que o concello construirá no Malecón. O centro ofertaba as ramas de Administración e Electricidade ata a inauguración do actual  IES "Cosme López Rodríguez" cuxo nome se oficializa en marzo de 1987 coa asistencia da conselleira, o presidente da Deputación Provincial e membros da corporación municipal presididos polo alcalde e a cuxo acto non puido asistir debido ao seu delicado estado de saúde.
Meses máis tarde, o 27 de agosto de 1987, Cosme López Rodríguez falece no seu domicilio da Rúa.


 

Por:

Javier López é fillo de Cosme López Rodríguez | 2011-01-30

Búsquedas: Por Título, Por Contido, Por Autor

 
© 2010 iescosmelopez.org - Dixital-Cosme | Privacy Policy | Como usar